XA CASE CHEIRA A VERÁN, COAS SÚAS FESTAS,ROMERÍAS...E QUEREMOS PRESENTARVOS UNHA PROPOSTA ARTELLADA POLOS EQUIPOS DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA do CEIP A Xunqueira 1 e CEP Campolongo E DIRIXIDA A PROFESORADO E ALUMNADO DE 5º E 6º DE PRIMARIA.
A proposta consta de dúas fases:
Primeira fase: para realizar no centro educativo e coas familias: trabállanse seis cantigas populares galegas e o himno. Aconséllase repartir as estrofas por equipos de aula para aprendelas. Invítase a que canten en familia as cancións seleccionadas. Na materia de Lingua Galega e Literatura pódense empregar os textos para traballar gramática e vocabulario. En Ciencias Sociais, localizar municipios. Aconséllase levar a cabo audicións no centro nas que o alumnado poida gozar deste tipo de música.
Segunda fase: consistirá en cantos colectivos en dúas prazas de Pontevedra; o luns 11 de maio, de 12 a 13 horas. Con antelación comunicarase o punto de encontro, o percorrido e que cancións se cantan en cada praza. Para isto debes inscribirte.
Queremos lembrarvos que está aberto o prazo de inscrición nocertame de regueifas en vídeo do proxecto Enreguéifate. Como cada ano, hai dúas categorías: a xeral, onde calquera pode participar, e a escolar, na que pode participar alumnado de ensino non universitario (calquera nivel de educación infantil, primaria, secundaria, formación profesional, ensinanzas especiais, artísticas, escolas de música, de danza ou de idiomas). Nesta categoría, as persoas participantes representarán o centro educativo no que estuden, aínda que poden inscribirse co nome da súa aula ou co que decidan adoptar para diferenciárense doutras que participen do mesmo centro.
Nesta novena edición, o certame outorgará oito regueipremiospor categoría: para recoñecer a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada, mellor falada, máis inclusiva e máis entroideira –ás portas do Entroido, é o mellor momento para gravala– ;)
Os premios entregaranse nunha gala que terá lugar o xoves, 16 de abril, no Teatro Principal de Pontevedra. Dende o Enreguéifate, queremos animarvos a participar. Só tedes que enviar un vídeo (ou máis de un!) de máximo 3 minutos de duración onde aparezan, cando menos, 2 persoas regueifando en galego, con temática libre. Non o deixedes para o derradeiro momento!
Podedes consultar as bases completas na nosa páxina web: enregueifate.gal